Deseño editorial e arquitectura da información nos cibermedios internacionais de referencia
- Gago Mariño, Manuel
- Xosé López García Director/a
- Francisco Campos Freire Director/a
Universidad de defensa: Universidade de Santiago de Compostela
Fecha de defensa: 04 de febrero de 2011
- José Ignacio Armentia Vizuete Presidente/a
- Xosé Pereira Fariña Secretario/a
- Javier Díaz Noci Vocal
- Berta García Orosa Vocal
- Ramón Salaverría Vocal
Tipo: Tesis
Resumen
A tese de doutoramento: ¿Deseño editorial e arquitectura da información nos cibermedios internacionais de referencia¿ ten por obxecto determinar e retratar a configuración pública, en termos visuais, de organización de contido e de interacción, de seis cibermedios internacionais líderes nos seus respectivos mercados -tanto na edición orixinal da marca en papel como na súa edición dixital- e de prestixio internacional. Malia que a bibliografía, a produción académica e a investigación xa son relativamente abundantes ao redor do ciberxornalismo, a análise do modelo de produto que manteñen os grandes cibermedios cunha sólida estrutura empresarial e de persoal está case ausente da investigación. Consideramos especialmente produtivo en termos de investigación abordar estes estudos estruturais para comprender a evolución e singularidade destes produtos dixitais. Ao concebirmos o cibermedio como un produto editorial deseñado -a nivel gráfico, tecnolóxico, estrutural e de contido- de acordo cunha planificación, construído e xestionado por unha organización profesional especializada e destinado a un público xeral; esta análise de conceptos pasa pola investigación da súa superficie web, determinando estruturas, módulos, áreas, seccións, funcionalidades, a integración de elementos externos e servizos e empregando esas evidencias para determinar a visión do modelo de cibermedio subxacente. A diversidade de mercados internacionais significa que son produtos destinados a diferentes mercados, pero poderían compartir un bo número de elementos dun novo modelo de cibermedio. Na nosa análise, estudamos a formalidade do produto ciberxornalístico, entendida esta como a suma dun deseño gráfico, do deseño da interacción prevista para o usuario -desde as interfaces ata os métodos de vinculación ou manipulación do contido-, das funcionalidades do cibermedio como aplicación, como software para a recuperación de contido e da súa división estrutural e funcional en áreas temáticas. Para comprender, ademáis, estes cambios, empregaremos unha concepción diferente da análise de cibermedios, indo alén da mera análise de campo de material situado baixo unha URL determinada. Para comprender acaidamente as diferentes solucións e estratexias editoriais adoptadas polos medios empregamos un método comparado. Os resultados da nosa análise permiten confirmar a hipótese de partida da investigación: a existencia dun modelo común de cibermedio. A súa existencia evidénciase nas grandes analoxías existentes entre os cibermedios a nivel formal e estrutural, que revelan comportamentos e pautas semellantes entre eles e que definen un concepto editorial moi claro do que debe ser un cibermedio de referencia para este grupo de editores de cinco países con cinco realidades mediáticas diferentes. Estruturas similares coma os 3 niveis de información de portada, as landing pages con estrutura inferior de índices, as interfaces horizontais, o deseño en grellas similares, a semellanza nas densidades de representación de contidos, a oferta case similar de servizos electrónicos, entre outros, permiten asegurar que estamos ante un modelo de cibermedio que supón un estándar a día de hoxe na configuración das publicacións ciberxornalísticos. Non só existe un modelo, senón tamén unha gramática de uso plasmada nunha informal pero real libraría de obxectos e recursos que xa forman parte dunha `cultura da edición¿ xornalística e que se poden constatar en todos os cibermedios analizados. Sen embargo, a análise permitiu apreciar comportamentos e deseños non previstos inicialmente, coma os dous modelos coexistentes na configuración da arquitectura da información dos medios. Un modelo expansivo, representado esencialmente nos modelos latinos (El País, Le Monde e Clarín), no que se exerce a innovación de xeito horizontal. Os procesos de evolución da cabeceira parecen concentrarse na diversificación de produtos e no lanzamento de novos formatos que se diferencian da estrutura retórica convencional dos medios de comunicación: as noticias como elemento básico. O proceso para estes medios é esencialmente expansivo: a innovación radica no lanzamento de novas identidades, canles, produtos e formatos de contidos, se cadra na procura de novos públicos ou na teima de ofrecer un produto máis adaptado estrutural, visual e organizativamente un contido diverso. O segundo grupo, os dous cibermedios de lingua inglesa (The New York Times e The Guardian), innovan pola contra en vertical. A súa estratexia de innovación e lanzamento de novos produtos está orientada a amortizar a súa estrutura básica de contido, a noticia, e tirarlle o máximo proveito posible desde múltiples ángulos, se cadra contribuíndo a reducir os niveis de entropía que supoñen preservar os contidos de calidade nun contorno de rápida rotación de contido. Neste modelo, os cibermedios carecen de estratexias activas para a construción de comunidades de conversa cos usuarios: dispoñen ferramentas para a promoción do seu contido en comunidades en liña, pero non profundizan nas potencialidades desta relación.